Lúa Vermella Un filme de Lois Patiño Estrea en salas o 30 de outubro Versión en Español Nunha vila da costa galega o tempo parece terse detido. Tódalas persoas están paralizadas aínda que se poden oír as súas voces: falan de pantasmas, de meigas, de monstros. Ao lugar chegan tres mulleres buscando ao Rubio, un mariñeiro da vila que desapareceu no mar.

Proxeccións

Semana do 27 de novembro de 2020

Barcelona (Zumzeig)

A Estrada (Minicines Central)

Madrid (Pequeño Cine Estudio)

Santiago (Numax)

Equipo artístico e técnico

Con ANA MARRA, CARMEN MARTÍNEZ, PILAR RODLOS, RUBIO DE CAMELLE

 

Montaxe PABLO GIL RITUERTO, ÓSCAR DE GISPERT, LOIS PATIÑO
Deseño Son JUAN CARLOS BLANCAS
Dirección de Arte JAIONE CAMBORDA
Coprodutor IVÁN PATIÑO
Produtor executivo FELIPE LAGE CORO

Dirección, guión e dirección de fotografía LOIS PATIÑO

"Fermosa meditación sobre a morte, o tempo e as feridas da perda"

- Sergi Sánchez (LA RAZÓN)

"Puro estilo lovecraftiano que se mergulla nun mundo ao bordo do sublime"

- Mariona Borrull (EL ANTEPENÚLTIMO MOHICANO)

“Inmersión sonora y visual que Lois Patiño nos ofrenda como acto hipnótico”

- José Luis Losa (LA VOZ DE GALICIA)

“Un estado hipnótico de beleza suprema e de mitolóxica fantasmagoría”

- Carlos Loureda (FOTOGRAMAS)

Notas do director

Lúa vermella adéntrase na Galicia do mar comprendéndoa na súa dimensión física e imaxinaria, onde se funden realidade e lenda, e onde se entrecruzan o mar e a morte con toda a súa carga mítica e evocadora. Afondamos así no universo retratado na miña anterior película Costa da morte.

En Lúa vermella a historia real de O Rubio de Camelle, un mergullador que rescatou máis de 40 cadáveres de náufragos perdidos no mar, vese envolta polos seres que habitan o imaxinario fantástico galego. Un universo mítico que segue o ronsel de autores como o pintor Urbano Lugrís ou o escritor Álvaro Cunqueiro, quen escribiu a frase, de forte influencia para a película: “O océano é un animal que respira dúas veces ao día”.

Na película transitamos por un limbo: entre vida e morte, entre imaxinario e real. E é ese aspecto liminar o que me interesaba rescatar das figuras arquetípicas da meiga ou a Santa Compaña. Figuras que habitan entre ambos os universos: comunícanse cos mortos ou guían ata o espazo da morte.

“Aquí os mortos non se marchan, quedan connosco”, dinnos nas entrevistas que realizamos para a preparación da película. Un aspecto destacado da identidade galega, como analizou minuciosamente o antropólogo Lisón Tolosana nos anos 60, foi esta forte convivencia entre vivos e mortos. Convivencia non sempre vivida con temor senón moitas veces coa cotiandade do xa naturalizado.

Sinto que a idea dun máis alá nace de dúas necesidades esenciais: manter preto á persoa falecida -que non desapareza- e dar forma á incerteza tras a morte -que haxa algo-. As lendas e crenzas xorden para cubrir eses baleiros, eses espazos incertos que xera a morte. Desde esta perspectiva da xenealoxía da lenda como relato que busca dar resposta ao inexplicable, creamos aquí unha historia ao redor de dous acontecementos misteriosos: o fenómeno cósmico da lúa vermella e a desaparición dos cadáveres dos náufragos neste mar-cemiterio.

E é o proceso de dó, que a desaparición do cadáver non permite pechar, ou que a presenza da pantasma permite alongar, un aspecto fundamental sobre o que quería reflexionar. A importancia de que exista unha despedida, unha última comunicación co morto, parar pechar círculos. En Lúa vermella asistimos ao proceso de dó dun pobo pola desaparición dun veciño no mar.

No pobo onde transcorre a nosa historia todas as persoas están paralizadas e ensimesmadas. Como na pintura O Ángelus de Millet, referente importante da película, as persoas non están detidas dun modo artificial, senón que a inmobilidade parece responder a un momento de recollemento e meditación ou mesmo de dó. Sobre esta quietude introspectiva articulamos a linguaxe da película. Unha forma narrativa que nos permite explorar a natureza maleable do tempo, pasando do seu fluír na natureza, á suspensión temporal da introspección, ou ao tempo mítico – atemporal- da lenda.

Unha produción de
Distribúe